Friday 17 de May de 2024

Rueda subliña que as universidades públicas galegas contarán co orzamento máis alto da súa historia en 2023 para seguir apostanto polo talento e o I+D+i


– Salienta que os 82 galardóns entregados non só recoñecen o talento dos seus beneficiarios senón tamén o esforzo e o mérito, calidades que a Xunta potencia na súa política educativa

– Recoñece o labor das universidades públicas galegas como “catalizadoras das capacidades do seu alumnado e como motores da Galicia innovadora”

O presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, subliñou que as universidades públicas galegas contarán co orzamento máis alto da súa historia en 2023 para seguir apostando polo talento e o I+D+i. O titular da Xunta salientou o dato na súa intervención no acto de entrega dos Premios Fin de Carreira da Comunidade Autónoma de Galicia 2021, ao que asistiu acompañado, entre outros, polo conselleiro de Educación, Román Rodríguez, e os reitores das tres universidades públicas galegas.

Alfonso Rueda expresou o orgullo de Galicia polos 82 currículos brillantes que foron recoñecidos no acto e polo talento dos seus titulares para acadar tan magníficos resultados nas súas carreiras. Pero indicou, tamén, que o talento non abonda se non vai acompañado de esforzo e de mérito, calidades que a Xunta potencia na súa política educativa. “Non pode dar igual aprobar que suspender nin ten nada de igualador un sistema onde dá igual esforzarse que non esforzarse” dixo o presidente do Goberno galego na súa defensa dun método que valora os resultados baixo os parámetros da constancia, a valía e o merecemento.

O Goberno da Xunta entende que investir en educación é reinvestir no benestar da sociedade galega, na súa prosperidade e na súa convivencia, desde as primeiras etapas da educación infantil -agora gratuíta na Comunidade- ata a universitaria -que leva once anos coas matrículas conxeladas-. Nese sentido quixo tamén recoñecer o labor das universidades públicas galegas como “catalizadoras das capacidades do seu alumnado e como motores da Galicia innovadora” que aspira á excelencia.

Alfonso Rueda recordou que a Xunta acompaña ás institucións académicas nese percorrido cun financiamento estable que permitirá mobilizar máis de 3.170 millóns de euros ata o ano 2026, tal e como recolle o Plan de Financiamento Universitario, e que os orzamentos do Goberno galego para o 2023 disporán da maior partida da súa historia -case 490 millóns de euros, un 5% máis que o ano anterior- na súa aposta polo I+D+i e coa finalidade de atraer e reter talento e de adaptar o mapa de titulacións ás esixencias do mercado laboral e dos retos que se lle presentan á sociedade galega.

O mandatario galego deu a en hora boa aos estudantes premiados e díxolles que Galicia agarda por eles: “Aquí ides ter sempre un lugar para demostrar o voso talento e para emprender os vosos proxectos profesionais e vitais” porque “a sociedade galega vos admira e non entendería o futuro sen vós”.